O Parlamento aproba unha proposta socialista para pedirlle a Patrimonio  a protección inmediata de Santa Eulalia de Bóveda e un plan de rehabilitación do monumento

O Parlamento aproba unha proposta socialista para pedirlle a Patrimonio a protección inmediata de Santa Eulalia de Bóveda e un plan de rehabilitación do monumento

19/05/2016

A Comisión de Cultura do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Dirección Xeral de Patrimonio que tome “de forma inmediata” medidas “urxentes” para resolver os problemas de abandono que están a poñer en perigo o monumento de Santa Eulalia de Bóveda.

A deputada luguesa Concepción Burgo levou ao Parlamento esta iniciativa para dar a voz de alarma sobre o estado dun dos elementos máis senlleiros do patrimonio cultural galego, un monumento único que padece un “lamentable abandono diante da pasividade do goberno galego”.

A proposta aprobada hoxe inclúe ademais pedirlle ao goberno galego que comece nun prazo de 6 meses un “plan conxunto e ambicioso de investigación, rehabilitación, conservación e posta en valor de Santa Eulalia de Bóveda e de todo o seu contorno”. Reclamou unha intervención urxente para paliar os danos ocasionados pola vexetación, as filtracións de auga e as humidades que están a facer estragos no conxunto.

Sinalou que “Santa Eulalia non pode continuar neste estado de abandono e desidia que está poñendo en perigo a mesma supervivencia do monumento”, mesmo rompendo as pinturas dos seus murais. Chamou tamén a “realizar novas investigacións que amplíen o noso coñecemento sobre este enclave arqueolóxico, artístico e histórico de tanta singularidade”.

Descuberto en 1926, o monumento padeceu varias intervencións pouco acertadas ata comezos dos anos 90, o último traballo de conservación tivo lugar nos anos 2006 e 2007 para protexer a cuberta, ordenado polo goberno presidido por Touriño. Dende entón “a dirección xeral de Patrimonio deixou de facer todo tipo de accións de conservación e mantemento a pesares de que o seu estado empeora co transcurso do tempo”.

O monumento, datado na época tardorromana, posúe un valor artístico “fundamental” debido á súa configuración arquitectónica e ás pinturas murais conservadas, unido ao enigma sobre a súa orixe e funcionalidade. A última tese apunta a que se trata dun monumento funerario dun seguidor de Dioniso, e anima a investigar o seu contorno para saber se formaba parte dunha vila ou dunha necrópole.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:

1. Iniciar de forma inmediata as accións máis urxentes que permitan solventar os problemas que se manifestan en Santa Eulalia de Bóveda.

2. Iniciar no prazo de 6 meses, un plan conxunto e ambicioso de investigación, rehabilitación, conservación e posta en valor de Santa Eulalia de Bóveda e de todo o seu contorno que se desenvolverá en función das condicións técnicas das pinturas”.

Tes algo que engadir?

Envíanos a túa opinión, proposta, suxerencia...

Participa no debate!

As túas achegar irán directas aos parlamentarios que levan estes temas.

Os teus datos non se farán públicosOs teus datos non se farán públicos a non ser que o pidas expresamente. En calquera caso, o teu nome e o teu email serán sempre privados e os usaremos exclusivamente para contactar contigo se é necesario.